Manexo directo do módulo BLE HM-10

Se queres controlar o módulo Bluetooth Low Energy HM-10 directamente dende o teu ordenador, podes empregar un Arduino Nano (por exemplo o propio do teu Escornabot) como pasarela transparente (é dicir, coma se dun convertidor/adpatador FTDI se tratase), de maneira que poderás manexalo, por exemplo, empregando comandos AT. Isto é útil para facer cambios nos seus parámetros, entre eles o propio nome do módulo (e chamar así ó teu robot como queiras!).

Esquema de montaxe: Arduino Nano como pasarela transparente para o módulo HM-10

As resistencias R1 e R2 conforman un divisor de voltaxe que serve para adaptar os 5V de saida TTL do pin TX do Arduino ós 3.3V de entrada do módulo BLE HM-10.

Esta configuración é moi similar a que terías no teu Escornabot cando lle montas o módulo BLE seguindo as instruccións da nosa páxina Escornabot Blueetooth Low Energy, pero fíxate nas dúas pequenas (pero fundamentais) diferencias:

  1. O pin RX do Arduino conecta co pin RX do módulo, e o TX co TX, xa que se trata dunha conexión transparente directa (e non dun enlace de comunicación típico no que se cruzan os pins de RX-TX e TX-RX).
  2. Para convertir o Arduino en «transparente» témolo que manter reseteado constantemente, o que se fai unindo o pin de terra (GND) co de reset (RST), e que equivale a manter pulsado o botón de reset de forma permanente.

Para empregar o Arduino deste xeito, non importa qué sketch (=programa) teñas subido no propio microcontrolador, xa que o procesador non se usa en absoluto (está reseteado): non fai falla que o cambies nin se vai perder o que teñas cargado.

NOTA: se o único que queres facer é renomear o teu Escornabot, igual resultaríache máis práctico (rápido e sinxelo) usar o método recollido na páxina xeral do Escornabot BLE, o que che aforraría ter que montar/desmontar este esquema.

Nesta configuración, cando conectas o cable USB do Arduino Nano no porto USB do teu ordenador, e empregas calqueira ferramenta de comunicacións serie con dito porto (por exemplo o Monitor Serie que ven dentro do IDE de Arduino), estaraslle «falando» directamente ó módulo BLE.

Empregando o Monitor Serie do IDE de Arduino directamente co módulo BLE

A configuración típica e a de 9600-8-N-1 (9600 baudios, 8 bits de datos, Non parada, 1 bit de paridade), con final de liña composto por CR+LF (ou \r+\n en linguaxe C/C++ de Arduino): se lle envías o texto AT deberías recibir como resposta o texto OK, e para recibir un listado cos comandos dispoñibles, podes enviarlle AT+HELP.